23 abr 2013

A NOSA HOMENAXE Ó LIBRO: encontro de CLUBS DE LECTURA: IES LELIADOURA de Ribeira e IES POETA AÑÓN de Outes

Onte estivemos de celebración. Adiántamonos unhas horas á conmemoración do DÍA DO LIBRO  para compartir co Club de Lectura do IES Leliadoura o xantar, as nosas experiencias lectoras e o seu fantástico patrimonio natural. Esta é a crónica desa xornada
  • Os Laretas e Laretiñas fomos recibidos polo vicedirector, Jose Antonio- para que logo digan que os equipos directivos non se implican!-. Foi un "cicerone" de luxo que aparte de amosarnos as instalacións invitounos a visitar unha interesante mostra da II República con materiais múltiples (libros, cartaces e obxectos da época entre outras moitas cousas), mostra que despertou a nosa curiosidade por ese período histórico.
  • Chegou despois a hora do xantar e posteriormente, tras perder a vergoña inicial, a rapazada comentou as súas lecturas favoritas, tanto aquelas propostas polo club como as que escolleron a nivel persoal. As coordinadoras tomamos boa nota do que escoitamos, porque sabemos ben o complicado que é dar cun libriño que agrade a meirande parte dos membros do club. Claro que tamén sabemos que esa lectura é moitas veces un fío do que tiramos, unha excusa para charlar das nosas vivencias persoais. Vimos tamén os seus PASAPORTES LECTORES personalizados. Que boa idea para anotar impresións sobre os textos lidos ou para recoller unha frase que nos gustara dun determinado libro!
  • Como colofón, os nosos anfitrións leváronnos a un dos escenarios de Domingo Vilar na novela "A praia dos afogados". Arrecendimos o mar de Aguiño, da ría de Arousa, e finalmente ascendimos ó mirador da Rá onde quedamos coa boca aberta, literalmente, contemplando toda a liña de costa dende Fisterra ata A Garda.
Ós nosos anfitrións temos obrigadamente que darlles as GRAZAS por todo e por permitirnos gozar con eles dun fantástico día (podedes ler os detalles desta xornada tamén no blog da súa biblioteca clicando neste enlace.)
Quedan aquí algunhas imaxes desta xornada na presentación que tedes a continuación
AH!! E a festa continuará porque o día 6 de maio seremos nós, o Club Laretas, os que acollamos ós Leliadouros. Esperamos estar á altura!!.


23 de abril: DIA DAS LETRAS

Non podemos deixar escapar a ocasión de lembrarvos a todos que hoxe é a nosa gran festa, a dos lectores, a das persoas que amamos os libros. Porque como dí AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ, un dos nosos autores de cabeceira "ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ". 
Co seu permiso imos reproducir aquí, parte do texto publicado nun cartaz que foi deseñado para a conmemoración do Día das Bibliotecas de 2008 e foi ilustrado por Xosé Cobas.

ABRE OS LIBROS e mergúllate na auga da vida que abrolla irreprimible desde as súas páxinas. Déixate arrastrar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes. Non esquezas nunca o abraio que experimentamos nos anos da infancia, cando se nos revela a dimensión máxica que teñen as palabras e descubrimos que as páxinas dos libros poden conter o mundo enteiro.
Como as labregas que se afanan na rebusca de espigas entre os regos despois da ceifa, tamén os escritores recollen as palabras unha a unha e elaboran con elas o humilde pan dos seus textos. Deste xeito fan que cheguen ata nós, sempre novas e sempre sorprendentes, pois os libros posúen a insólita capacidade de revivir e reinventarse en cada nova lectura.
Todas as persoas necesitamos as historias, os soños, as palabras, talvez sexa unha característica inscrita no ADN da humanidade. Necesitámolas coma o comer, como beber auga, xaora que si. Para entendermos o mundo e para entendernos a nós mesmos, para soñar outros destinos, para loar os dons que a vida nos dá. Sabemos que non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e da creatividade, sen as palabras que expresan a variedade e a beleza dos nosos desexos e dos nosos sentimentos.
Por todo iso, abramos os libros. Eles conteñen os soños, as paixóns, os medos, os amores, as risas. Nas súas paxinas habita a inmensa variedade de sentimentos e experiencias da humanidade, das persoas que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos.

10 abr 2013

RESUMO DOS ÚLTIMOS ENCONTROS

Aínda que non déramos sinais de vida no último par de meses, os Laretas e Laretiñas andivemos a descubrir novas lecturas e a disfrutar co cine.
Na nosa reunión de febreiro dous foron os libros propostos, dentro da literatura escrita en galego:
"Corazón de chocolate" de Jaureguízar (lectura para os máis novos do club).

 
 
 e "As cousas claras" de Neira Cruz (para os membros do club de  4º ESO).

Unha vez máis, os nosos lectores amosaron disparidade de criterios á hora de valorar as lecturas. Houbo a quen lles gustaron pero tamén a quen non... algo que tampouco nos debe de sorprender dado que cada lector ten os seus propios criterios e os seus propios gustos. Non hai que esquecer que, ó fin e ó cabo, pertencer a un club de lectura é, entre outras moitas cousas, ir construíndo a nosa propia bagaxe lectora.
Por se alguén se anima a ler calquera destes dous libros, deixámosvos os enlaces as guías de lectura que elaboramos para o club.
 Non todo foron lecturas nos últimos meses. Na xuntanza do 18 de marzo decidimos ir preparándonos para mergullarnos no mundo do suspense e do misterio de Agatha Christie, autora de "Dez Negriños" o noso próximo libro. Para elo compartimos cos nosos amigos invitados (cada membro do club invitou a un rapaz ou rapaza do centro) o xantar dese luns e a proxección do clásico "Asesinato en el Orient Express". Aquí tedes algunhas fotos desa xornada e dos outros encontros dos membros do club neste trimestre: