16 jun 2012

OS LARETAS en OURENSE

A lectura de "As sete mortes" neste curso ofreceunos a disculpa perfecta para viaxar a Ourense. Podería ter sido Lugo, A Garda, Fisterra, O Coural, A Coruña ou calquera dos escenarios nos que se desenvolve a novela de Carlos Vila Sexto, pero esta vez tocoulle a Ourense, unha cidade aínda descoñecida para moitos.  Botamos en falla a tres dos membros do club, Alba, Tatiana e Amparo, que por distintos motivos non puderon acompañarnos.
Ourense non nos defraudou: recibiunos cun tempo espléndido (coa temperatura xusta) que nos permitiu disfrutar da visita a parte do seu rico patrimonio:
  • Contemplamos a Ponte do Milenio e percorrimos preto de 500 escalóns poñendo a proba a nosa forma física (alguén andivo nos días seguintes cunhas tremendas maniotas nos xemelgos).
  • Achegámonos ás Burgas, as fontes termais que dan nome á cidade.
  • Percorrimos o casco histórico: a Praza Maior, Praza do Trigo, Catedral....
  • Rematamos a mañá visitando o Museo do Tren, no Centro Cultural da Deputación de Ourense. Alí, da man de Curros Enríquez e do guía do museo, coñecimos a historia da chegada do tren á cidade e admirámonos coa colección de preto de 4000 pezas reunidas por Manuel Fernandez Pacheco, un madrileño que iniciou a súa afeción polos trens despois de recibir como regalo de seu pai un tren de xoguete "PAYÁ".
  • Para rematar unha xornada redonda, desprazámonos como auténticos turistas no Tren das Termas que nos levou a Outariz, onde xantamos e nos puxemos a remollo nas súas pozas termais. Saímos renovados e coas baterías cargadas para seguir o vindeiro ano reuníndonos ó redor dos libros (e da comida).
Para dar fe de todo este percorrido, compartimos convosco estas fotos que recollen algúns dos momentos da visita.
Aquí vos deixamos tamén o poema de Curros Enríquez :
"Na chegada a Ourense da primeira locomotora -1881-"


Velaí ven, velaí ven avantando
comaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saludaina, rapaces e vellos!
Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.
Velaí ven, velaí ven tan oupada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo,
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de ferro.
Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!

Catedral, demagogo de pedra,
dun pobo fanático erguida no medio,
repinica esas chocas campanas
en sinal de alegría e contento.
Asocia esas voces
ó son dos pandeiros,
¡ás santas surrisas
de terras e ceos!
E ti, río dos grandes destinos,
que os himnos ensaias dos trunfos ibéricos,
requeimáda-las fauces de sede
vén o monstro a beber no teu seo.
Bon samaritano,
dálle auga ó sedento;
que a máquena é o Cristo
dos tempos modernos.

11 jun 2012

"COMETAS EN EL CIELO"

A piques de rematar este intenso ano de convivencia no club "Laretas", propuxemos ós seus membros a lectura dun libro que nos chega precedido dun éxito rotundo en todo o mundo. Un libro que toca a fibra sensible tanto dos lectores máis novos como dos adultos: COMETAS EN EL CIELO de  Khaled Hosseini.


Non imos a desvelar a súa trama, pero aquí tedes algúns enlaces que vos poden axudar a entender mellor a historia de Amir e Hassan, os dous amigos afghanos protagonistas do relato.

Así por exemplo, dende o IES los Batanes de Viso del Marqués -Ciudad Real-, o profesorado ofrécenos no seu blog  "Cometas en el Viso" un acercamento ó contexto histórico do país no que transcorre a historia : AFGHANISTÁN. (clica na palabra para acceder á información).

Por se non sabes en que lugar do planeta queda este país, mira no mapa.


Tamén podes viaxar virtualmente ós lugares mencionados no libro e facer un percorrido literario con esta fantástica ferramenta: Google Literary Trips. Só precisas ter instalado no teu ordenador GOOGLE EARTH e poñer a proba os teus coñecementos de inglés (por certo: o título orixinal do libro é "THE KITE RUNNER")
Preme na foto para acceder á páxina de Google Literary Trips. Teclea os título do libro en inglés e unha vez que estés dentro abre o 4º documento.