26 feb 2024

Be Water

Be Water de Antía Yáñez é unha distopía que mostra unha sociedade xerárquica e desigual baixo un réxime político totalitario no que o elemento de control e ese que resulta imprescindible para a vida humana, a auga. Auga que escasea debido ao Gran Cataclismo, que fixo que a humanidade se tivera que refuxiar baixo terra en estruturas elípticas semellantes a colmeas.


Pero en toda distopía sempre hai lugar para a esperanza, representada por as dúas mulleres que ligan a todos os protagonistas do libro: a Avoa que viviu na "era superficial" e a bisneta que vivirá sen dúbida de novo na superficie.
O ecoloxismo, o totalitarismo, a desigualdade social e de xénero, os estereotipos, o papel da muller, a transmisión de valores, a maternidade adolescente, o sexo por obriga ou por pracer, ... son só algúns dos temas que trata a obra en maior ou menor medida.
Hai a quen lle gustou máis e a quen lle gustou menos. Sexa como for, deu para falar un bo rato.


19 dic 2023

The Shape of Voice

É o título en inglés do filme xaponés do ano 2016 que está baseado no manga "A silent Voice", e que visualizamos na derradeira sesión do Club de Lectura deste ano 2023.


Unha historia dura e triste pero que, ao final, como suele ser habitual, acaba ben. Como durou todo o intervalo do mediodía non puidemos comentar nada na sesión. Tería sido interesante. Cuestión de retomalo para o ano ( a ver se nos acordamos de algo). 

13 nov 2023

A SILENT VOICE 1 e 2

Comezamos o curso este ano cunha comida de confraternización entre os integrantes do club de lectura e máis do grupo do teatro xa que algún alumno e algunha das profesoras implicadas pertencen aos dous grupos. Tan rico estaba todo e tanta fame tiñamos que ninguén se acordou de sacar unha foto que ilustrara o momento.

Este ano voltamos a ter un único club integrado por cinco alumnos e unha alumna de 2º a 4º de ESO.

Comezamos cun manga, A Silent Voice, tomo 1 e 2. Gustounos moito aínda que aquí notouse a diferencia xeracional entre o alumnado e as profesoras que forman parte do club. A estas últimas resultoulle máis complicado de ler e de entender.


Deu para un debate intenso sobre os protagonistas, as motivacións e as actitudes das diferentes personaxes ante o acoso escolar. Quedamos con ganas de seguir lendo os tomos seguintes que, en breve, estarán a disposición para todo o mundo na biblioteca.



3 jul 2023

GUÍAS de LECTURA: curso 2022-2023

 

Por se fosen de utilidade, deixamos os enlaces aos materiais elaborados este ano: guías de lectura e cine así como das dúas viaxes realizadas polo Club.

GUÍAS dos LIBROS:

GUÍA da PELÍCULA

GUÍAS das VISITAS CULTURAIS

CAMIÑADA pola MEMORIA: Lugo e Portomarín

 Trala lectura do libro de Antía Yáñez, decidimos achegarnos no remate do curso -nun caloroso 27 de xuño- ata Portomarín. Xunto co alumnado pertencente ao Club de Teatro, os Laretas aproveitamos a viaxe para dar un paseo pola Muralla Romana de Lugo e achegarnos ó Vello Cárcere (visita moi recomendable, por certo!)

En Portomarín, tivemos unha "cicerone" de excepción: Candela, alumna do IES Fernando Blanco de Cee e filla do último bebé nacido no vello Portomarín. Con ela revivimos as historias que oira aos seus avós a trasladámonos ós lugares nos que transcorre a acción de "O misterio de Portomarín".

Preme na imaxe para ver o vídeo que recolle distintos momentos da nosa viaxe.


14 abr 2023

ANDAMOS A LER... "O MISTERIO DE PORTOMARÍN"

 

 

 

O MISTERIO DE PORTOMARÍN é a noveliña de Antía Yáñez que propuxemos para a vindeira reunión do club o día 25 de abril. Para ir abrindo o apetito lector deixamos este "booktrailer" elaborado pola rapazada do IES de Mugardos. 



7 nov 2022

Comezamos un ano máis!!

Iniciamos o curso 22-23 cun único grupo no Club de lectura formado por 8 rapazas e rapaces de 1º a 3º ESO. BENVIDAS e BENVIDOS !! . Vi ser un grupiño reducido pero que ven con moita forza e moitas gañas de ler e descubrir títulos interesantes... como este!

 


" El rastro brillante del caracol" de Gemma Lienas foi primeira lectura seleccionada para este curso: trátase dun interesante "thriller"  no que se mestura a relación de Sam, un rapaz con síndrome de Asperger e cun talento excepcional para todo o que ten que ver cos ordenadores, con Martina.

Para ir facendo boca, deixamos este vídeo no que a propia autora do libro fala del sen desvelar detalles importantes da trama.

7 jun 2022

GUÍAS de LECTURA: CURSO 2021-22

 


Estes foron os títulos lidos neste curso nos dous grupos do Club. Quedan aquí os triticos que elaboramos con información e cuestións sobre os libros por se lle interesan a alguén. 

Tamén incluimos a guía da película vista no primeiro trimestre e o trítico do roteiro literario que acompañou á nosa visita a Pontevedra no mes de abril.

1. Guías dos LIBROS

2. Guía da PELÍCULA 

3. Guía da SAÍDA CULTURAL a PONTEVEDRA

4 jul 2021

GUÍAS de LECTURA (Curso 20-21)

 Deixamos aquí os enlaces a cada unha das guías correspondentes ós libros, películas e roteiro levado a cabo este curso no Club.

              1. Guías dos LIBROS

§   Prohibido leer a Lewis Carroll

§   O que sei do silencio

§   As flores radioactivas

§   Memoria do silencio

§   Denébola, aRoxa

§   A caixiña dos rancores

2.  Guías das PELÍCULAS

§   Cobardes

§   JoJo Rabbit

3.  Guía da SAÍDA CULTURAL  a RIBADAVIA  Roteiro da MEMORIA 

3 jul 2021

ROTEIRO DA MEMORIA: por terras do RIBEIRO

 A lectura de MEMORIA do SILENCIO de Eva Mejuto levounos o pasado 28 de xuño a visitar Ribadavia e coñecer algúns dos escenarios descritos no libro. 

  • Iniciamos o percorrido na estación de ferrocarril de Ribadavia. Alí no punto no que noutro tempo as irmás Touza tiñan o quiosco no que vendían melindres e licor café, imaxinamos a chegada de viaxeiros nuns andeis agora desertos. O texto de Eva Mejuto sirveu para evocar a todos aqueles refuxiados xudeus que se achegaron a esta vila e contaron coa axuda de Lola, Amparo e Julia Touza para poder atravesar a fronteira portuguesa e logo viaxar a América lonxe da persecución nazi.
  • Achegámonos logo ao exterior do Castelo dos Sarmiento, e acompañados por José Ramón Estévez -historiador local e guía para a ocasión-, percorremos as rúas e a xudería de Ribadavia, unha vila na que cada pedra, cada edificio ten unha historia que contar. Coñecemos así o antiguo Casino, casa das señoras Touza e refuxio temporal de cidadáns perseguidos pola Alemaña de Hitler.
  • Rematamos a mañán, visitando o Centro de Información Xudía de Galicia e o Castelo de Ribadavia. Coñecemos a historia das comunidades xudeas de toda Galicia,  antes e despois de 1492, así como o relato dos procesos inquisitoriales a que foron sometidas.
Se pola mañán alimentamos o intelecto, tralo xantar dirixímonos a Castrelos de Miño para exercitar os corpos participando nun "bautizo naútico" no que tódolos membros do club  navegamos polas augas do encoro en kayak, pedaletas e en táboas de paddle -surf. 

Unha xornada para a memoria e o recordo que compartimos neste breve video.


24 ene 2021

AS FLORES RADIOACTIVAS ( 25 xaneiro 2021)

Da man de Agustín Fernández Paz e do seu libro AS FLORES RADIOACTIVAS, achegámonos á problemática que representan os refugallos radioactivos e ás súas consecuencias no medio ambiente.

A protagonista do relato, Alba, mergúllase de cheo na loita que, encabezada por asociacións ecoloxistas como GREENPEACE e ADEGA, levou a un movemento xeralizado de rexeitamento na sociedade galega nos anos 80, cando boa parte dos países europeos desfacíase dos seus resíduos nucleares chimpándoos na chamada Fosa Atlántica, a unhas 300 millas de Fisterra.

Se queres documentarte acerca destes acontecementos, tes aquí un vídeo e varios enlaces que falan da problemática e das secuelas, aínda por estudar, desta acción humana sobre o medio natural.

  • DOCUMENTAL: La pesadilla de los desechos nucleares (LA NOCHE TEMÁTICA. RTVE.ES)

20 dic 2020

3ª XUNTANZA CURSO 20-21.Cine-club: "COBARDES" (2008)

Como colofón ás actividades deste primeiro trimestre, mañán luns 21 de decembro, xuntarémonos desta volta para o visionado da película  COBARDES, de José Corbacho e Juan Cruz.  A perspectiva destes dous directores serverá para afondar máis no debate e na reflexión que iniciamos coas Laretas de 3º trala lectura de O QUE SEI DO SILENCIO. 

Deixamos aquí  unha breve guía da película (Preme na IMAXE).

Que gocedes da proxeción!!

29 nov 2020

O QUE SEI DO SILENCIO ( Andrea Maceiras)...

 ...é o título escollido para iniciar os faladoiros literarios 20-21 coas Laretas de 3º ESO. Mañán luns 30 xuntarémonos para intercambiar opinións e partillar impresións trala lectura.

Para ir quecendo, deixamos aquí un par de enlaces:

  • O PRIMEIRO lévavos a varias propostas alternativas de ilustración da portada do libro de Andrea Maceiras: son ideas do alumnado de Plástica (4º ESO) do IES Miraflores de Oleiros.
  • No SEGUNDO, achegámonos á voz da propia autora que presenta o libro no programa da Radio Galega Diario Cultural. (Na imaxe Andrea Maceiras . Foto de Érica Esmorís )

ANDREA MACEIRAS




16 nov 2020

CONTRA VENTO E MAREA... 1ª XUNTANZA CURSO 20-21

 


Aquí comeza unha nova andaina do Club de Lectura con 8 Laretiñas de 1º e 2º e 5 Laretas de 3º, este curso prantándolle cara (ou máscara) ó coronavirus e mantendo as preceptivas medidas de seguridade.

Desta volta, os Laretiñas intercambiaron impresións e anécdotas derivadas da lectura de "Prohibido leer a Lewis Carroll", un libro de Diego Arboleda -ilustrado por Raúl Sagospe- que dou moito xogo.

Por se vos interesa lelo, deixamos unha breve guía de lectura premendo NESTE ENLACE.

CALENDARIO DE REUNIÓNS 20-21

  • 1ª REUNIÓN:    Laretiñas,  16 novembro 2020
  • 2ª REUNIÓN:    Laretas,     30 novembro 2020
  • 3ª REUNIÓN:    Todos,        21 decembro 2020
  • 4ª REUNIÓN:    Laretiñas,  25 xaneiro 2021
  • 5ª REUNIÓN:    Laretas,     22 febreiro 2021
  • 6ª REUNIÓN:    Todos,        22 marzo 2021
  • 7ª REUNIÓN:    Laretiñas,  26 abril 2021
  • 8ª REUNIÓN:    Laretas,     24 maio 2021